A festa de San Sebastián, ou “Festa dos Fachós”, que se celabra na veciña vila de Castro Caldelas é , indubidablemente, unha das máis orixinais e curiosas de cantas existen hoxe en día en Galicia. A celebración comeza xa na caída do día 19 de Xaneiro. As xentes, provistas dos fachós (grandes feixes de palla a modo de antorcha), vanse concentrando na entrada da vila pola estrada de Ourense. Faise tamén un fachón moi grande que pode chegar a medir 35 metros, que portan varios veciños da vila. En canto se fai totalmente de noite, o disparo dun foguete luminoso indica o momento de prender os fachós, e co estampido da primeira bomba ponse en marcha, precedida de gaiteiros, unha sorprendente procesión. Entre berros de alegría a procesión cruza a Praza do Prado e avanza polas empedradas rúas de Cima de Vila, ata alcanzar o atrio da antiga igrexa parroquial. As campás acompañan durante toda a procesión. O regreso faise pola rúa do Sol finalizando no adro. Unha vez neste, reúnense os fachós formando unha gran fogata, arredor da cal bailan vellos nenos e adultos.
Nese momento degustanse de forma gratuita chourizos asados, bica mantecada, viño nova da Ribeira Sacra, licor café e, como non, a queimada. A festa prolóngase ata altas horas da madrugada.
A orixe e motivo desta celebración non está clara. Corren explicacións e lendas para todos os gustos. Así, dise que o desfile reproduce o que os cristiáns realizaron, tamén de noite e con fachós, na busca do corpo do mártir San Sebastián. Outro senso ten a historia que motiva o feito nunha suposta peste que azoutaría a vila e comarca aló polo 1653. O lume e o aventado dos fachós terían unha intención sanitaria e relacionaríanse coa obrigada desinfección, segundo uns, ou ben sería o recordo dunha procesión similar, nocturna, ata o santo para rogarlle a súa axuda naquel trance, solicitude que sería atendida de inmediato. Outros tamén vencellan esta tradición ós incendios que a vila sufriu ó longo da súa historia. O certo é que a “Festa dos Fachós”, da cal so hai documentación precisa dende mediados do século XVIII, non coincide con ningún evento sinalado no ciclo astronómico, como ocorre con outras festas de lume.
Sen dubida , vale a pena asistir a este interesante festexo. Moitas xentes de Sober e de todo o Val de Lemos acostuman a asistir cada ano.
Este sábado veremonos en Castro Caldelas.
No seguinte enlace podemos ver fotografías de anos anteriores:
http://www.patrimonio-ribeirasacra.info/portal/modules/gallery/album51
1 comentario:
Claro que merece a pena, eu intento viaxar todos os anos desde Extremadura e nunca me defrfauda
Publicar un comentario