19/2/08

A EXPOSICIÓN "ROSALIA E CABANILLAS A TRAVES DO VIÑO" ESTARÁ EN SOBER




A moi interesante exposición titulada "Rosalia e Cabanillas a traves do viño", presentarase en Sober coincidindo coa xornada inaugural da "XXVIII Feira do Viño de Amandi" o día 15 de Marzo e poderá visitarse no Centro Sociocultural ata mediados de Abril.
A exposición e patrocinada pola Fundación Caixa Galicia.
A exposición realiza unha retrospectiva da vida dos dous escritores, unha referencia ás súas respectivas casas-museo e a reflexión sobre os seus traballos en torno ao mundo do viño.
Esta mostra nace como unha iniciativa da Casa cambadesa de Ramón Cabanillas e da Casa da Matanza rosaliana, para ofrecer ao público unha perspectiva anovadora da poesía destes dous persoeiros, que inclúe referencias ao viño, presentándoo como elemento social e cultural, ou como símbolo caracterizador dalgunhas das nosas paisaxes.
Rosalía, ben a traveso dunha visión popular relacionada coa súa nenez en Ortoño, ou ben como referencia agre, denunciando a decadencia de sectores da sociedade, deixa pequenos pousos da temática vinícola na súa literatura. Pola súa banda, Cabanillas tamén lle dedica ao menos catro pezas; cunha visión menos algareira que a rosaliana, amosa as parras deitadas ao sol, como protagonistas da paisaxe e tamén as engade no poema Sono Dourado, dedicado á súa muller, e nos poemas Vendima no Salnés e Diante dunha cunca de viño espadeiro.
Coa presente mostra terán oportunidade de afondar nos poetas, estudados dende unha perspectiva diferente, que non menos interesante, e descubrir novos valores culturais para un dos bens máis prezados na nosa tradición, o viño.



No seguinte enlace poden baixarse unhas fichas didacticas da exposición.