03/02/09

XUVENTUDES MUSICAIS DE SOBER INICIA A "PRIMAVERA MUSICAL" CUN CONCERTO DE TROMBON E PIANO O DIA 14 DE FEBREIRO EN MONFORTE


Xuventudes Musicais de Sober, da inicio a unha nova tempada musical co ciclo "PRIMAVERA MUSICAL" e presentará o sábado día 14 de Febreiro ás 8,15 da tarde na Casa da Cultura de Monforte ao máis prometedor trombonista do estado; o xovencisimo asturiano SANTI NOVOA que estará acompañado polo pianista RAMON LÓPEZ. O concerto conta coa colaboración da Sociedade Filarmónica de Monforte que cede o seu piano para o acto e do Concello de Monforte que facilita os locais.

Santi Novoa (Oviedo, 1992) inicia os seus estudios musicais aos 7 anos no Conservatorio Julián Orbón de Avilés con Marcos Malnero. Dende 2003 asiste a clases en Bilbao con Daniel Perpiñán.
Recibe clases individuais con Joseph Alessi en Nova York e asiste a clases impartidas en The Juilliard School. Amáis, realiza cursos de perfeccionamento con Christian Lindberg, Baltasar Perelló, Andras Tejer, Mel Cuberson, Peter Sullivan, Ricardo Casero ou Stefan Schulz, entre outros.
Foi premiado en distintos concursos como o Concurso Joaquín Maya (Pamplona, 2004); Concurso Nacional de Jóvenes Intérpretes “Ciudad de Llíria” (2005); Certamen Intercentros -fase autonómica- (Oviedo, 2005) e o premio especial “viento metal” do mesmo certame en Madrid; concurso nacional “Ciutat de Xàtiva” (2006) ou Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España (Segorbe, 2007).
Fixo distintos concertos como solista e acompañante para Orquestra dende 2004, entre os que destacan o concerto solista coa Orquestra Sinfónica de Asturias no Auditorio “Príncipe Felipe” de Oviedo, coa Sinfónica “Julián Orbón” de Avilés en Carrara (Italia) ou de solista na UDK de Berlín interpretando a Sonata de Sulek.
Ramón López comeza os estudios de piano no conservatorio de Bilbao. Finaliza o grao superior en Madrid con Almudena Cano. Posteriormente realiza dous anos de posgrado na Guildhall School of Music de Londres co profesor Peter Bithell. Foi alumno activo nos cursos de veran de Santander impartidos por Emile Naoumoff e en Niza con Pascal Rogè. Colaborou co orfeón vasco de Madrid na representación en versión concerto de “El caserío” de Guridi. Foi pianista acompañante nos conservatorios medio e superior de Murcia. Segundo premio no concurso nacional de música de cámara Salzillo de Alcantarilla na categoría profesional. Ocasionalmente colaborou coa orquestra sinfónica da Rexión de Murcia e coa orquestra e coro da Universidade Complutense de Madrid. Traballa no terreo da música experimental co grupo “Oyaxtrés”

Programa a interpretar

Gordon Jacob (1895-1984):
Concerto para trombón orquestra
******
Benedetto Marcello (1686-1739):
Sonata
Axel Jorgensen (1881-1947):
Romanza para trombón e piano, op. 21 (1921)
Stjepan Sulek (1914-1986):
Sonata para trombón e piano (1973)